Carballo de Ramos

Trátase dun exemplar de quercus robur de extraordinario tamaño e antigüidade, sendo posible que dea nome á parroquia de San Tomé do Carballo a cal se atopa polo menos no Catastro de Ensenada (século XVIII), polo que xa por entón debía ser un exemplar moi singular.

Unha lenda que circula sobre el, recollida por Sócrates Rigueira, fala de que a orixe do carballo está nunha landra escondida por un pombo, que non puido recuperar ao ser morto cando se dirixía ao niño, chegando logo a xermolar. Así, as dúas grandes pólas da árbore representarían a parella deste pombo coa súa pomba.

O Carballo de Ramos está no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, e ademais ten un grande simbolismo para a veciñanza de Taboada, aparecendo as súas follas no escudo municipal, así como no do Taboada Club de Fútbol ou no nome da Asociación Cultural O Carballo.