O Camiño Real (é dicir, as principais vías de comunicación no Antigo Réxime) atravesa a vila de Taboada de norte a sur, comunicando Lugo con Ourense.
Sube desde o lugar da Puricela e pasando pola Rúa Real, a rúa de Riazón e a rúa de Laxelas. Así, vai en paralelo á Avenida de Lugo, unha carretera nacional construída no século XIX a partir da cal creceu Taboada desde entón.
Porén, o máis interesante é que o Camiño Real procede xa dunha antiga calzada romana, a vía que unía Lucus Augusti (Lugo) con Aquis Querquennis (Bande) en dirección a Braga. Deste pasado romano hai evidencias en varias localidades próximas ao camiño como na parroquia de Vilela.